Actividades‎ > ‎

A "pequerruta" do "campacole"

publicado a la‎(s)‎ 20 mar. 2013 16:54 por ANPA As Lavandeiras do CEIP Manuel Murguía   [ actualizado el 20 mar. 2013 17:01 por Usuario desconocido ]
O campacole programa unha pequerruta polo barrio dentro das actividades ao aire libre

Dentro das actividades previstas na programación do campacole inclúese, sempre dependendo das condicións metereolóxicas, unha pequerruta que achegará aos pequenos campacoleros ao seu contorno máis próximo: o barrio de Feáns.

Aínda queda moito verde por explorar a un paso do cole ou mesmo da porta de casa

A ubicación do CEIP Manuel Murguía é, cando menos, atípica para un colexio de cidade, pasear polos arredores achéganos ao rural sen apenas cruzar a rúa. As veces pasamos tan de corrido que nin nos paramos a observar o que nos rodea, aínda queda moito verde supervivinte a "invasión do formigón" e non me refiro a unha formiga grande, senón ao asfalto, beirarrúas, losetas e paseos peonís de cemento que disque "humanizan" as nosas cidades.

Hai lendas que falan das máis incribles procedencias destas augas que bañan o val de Feáns


Seica chegou a primavera, e na era do ocio coa pantalla interactiva, a realidade virtual e o deporte  de consola, a ANPA As Lavandeiras volverá a apostar polo contrapunto: a senda colectiva, a paixaxe natural e as tardes de parola. Volven ás pequerrutas.

Nesta ocasión faremos un pequeno sendeiro lineal de pouco máis de 2 km que parte dos arredores do cemiterio de Feáns, ao que nos achegaremos no autobús urbano, e chega ao Centro Cívico Veciñal punto final do noso traxecto, onde recuperaremos os folgos.

Coma sempre a pequerruta é apta para todos os públicos, nesta ocasión, pensada especialmente no perfil dos inscritos no campacole. No percorrido poderemos enlamarnos os pés, explorar un río navegable (por barquiños de pau), recoller loureiro para cocer o marisco (¿do río navegable?), descubrir as sobreiras de Feáns...  

Atendendo a suxestión dalgunhas familias, avisarémosvos cando teñamos seguro o día no que se desenvolverá esta actividade (seguimos mirando ao ceo) para que nos acompañedes todos aqueles que queirades compartir connosco esta primeira pequerruta do ano. Incluso, se queredes, poderedes quedar a comer connosco no campacole. 

Comunicarémosvolo por correo electrónico e, en todo caso, será necesaria a inscripción previa na pequerruta para poidamos organizar correctamente a saída. 

Deixámosvos a continuación o itinerario previsto para a pequerruta, animándovos novamente a inscribir aos vosos peques no campacole, eles pasarano fenomenal, vos poderedes conciliar a vosa vida laboral cos periodos non lectivos e, ao mesmo tempo, estaredes colaborando na posta en marcha deste servizo que se pretende consolidar de cara ao vindeiro curso.






Comments