Onte reuníronse o presidente da ANPA e Javier Mortes, novo presidente da Asociación de Usuarios das Hortas de Feáns, para buscar o xeito de unir esforzos neste proxecto. E é que o tecido asociativo do noso barrio non descansa nin en festivos, onte mesmo, a Asociación de Usuarios das Hortas de Feáns organizaba unha xornada de traballo para comezar os preparativos na nova leira coa que conta a asociación. O presidente da ANPA, Daniel Cameselle, achegouse para ter unha primeira toma de contacto coa directiva da asociación e buscar o xeito de colaborar neste interesante proxecto cos alumnos do colexio. ![]() Usuarios das Hortas de Feáns combatendo o frío matutino co duro traballo na nova leira O CEIP Manuel Murguía, coma todos, ten as súas ventaxas e inconvintes e é intención desta ANPA fomentar as primeiras e paliar os segundos. Dende logo, o contorno rural no que se atopa este colexio, ubicado por outra banda dentro dunha cidade como A Coruña, fai que goce dunha situación privilexiada para que os alumnos se achegen dun xeito natural a este mundo rural, que para os rapaces da xeneración do formigón (e non nos referimos a unha formiga grande) ás veces fica xa moi distante. A posibilidade de que os alumnos poidan ter a súa disposición unha horta cerquiña do colexio, sempre nos pareceu unha idea moi interesante. Aínda estamos estudando como imos a enfocar esta actividade, pero pouco a pouco irémoslle dando forma. Dende logo contando cunha xente tan entregada e currante como os amigos e amigas das Hortas de Feáns, que traballan a reo nun proxecto tan interesante, seguro que o camiño será moito máis doado. Xa vos iremos informando de como se vai definindo este proxecto e, coma sempre, aceptamos suxestións, colaboracións, etc... ¡contamos convosco! |


