Quen somos



A Asociación de Nais e Pais As Lavandeiras do CEIP Manuel Murguía de Feáns, A Coruña, nace coa idea de dinamizar o colexio, colaborando nas actividades educativas e extraescolares do centro, estimulando a participacion das nais e pais de alumnos na xestión do Manuel Murguía e asistindoos en todo o que se refire a educación dos seus fillos.


Acordouse fundar esta nova ANPA o 29/09/2010 nunha acta fundacional, cando un grupo de nais e pais recén chegados ao colexio decidiron retomar a que xa existía no centro. Atopáronse cunha serie de dificultades derivadas duns anos de pouca actividade e participación por parte das nais e pais. Así que optamos por empezar de novo: os comezos son difíciles e nos primeiros meses houbo que dedicarlle un esforzo especial aos temas burocráticos para constituir e legalizar a asociación.

Tiñamos que buscar un nome, redactar os estatutos, deseñar un logotipo, encargar un selo, legalizar a ANPA, obter o CIF, abrir unha conta, crear unha web para compartir as nósas inquedanzas, manternos informados, etc. Para o nome decidimos escoller un oficio tradicional: as lavandeiras que, hai non tantos anos como pensamos, era ao que se dedicaba a maioría da poboación feminina de Feáns. Aínda podemos atopar no barrio mostras desta profesión como son o lavadeiro restaurado ou o monumento dedicado as lavandeiras que hoxe ocupa o lugar onde no seu tempo houbo un antigo lavadeiro. Por non falar da mostra viva de tal oficio, moi presente aínda na poboación menos nova do lugar.

Dende a asociación non perdemos o tempo e dende o primeiro momento puxémonos a traballar. O CEIP Manuel Murguía é o único colexio público que hai na zona e tiñamos que poñer fin a situación de abandono que sufría, adaptándoo ás novas necesidades educativas e sociais.

O barrio nestes últimos anos sufriu unha fonda transformación e, como ocorre tantas veces, os viais, servizos e outros equipamentos van por detrás das necesidades da poboación. O Manuel Murguía non é un proxecto, é unha realidade que está aquí, leva máis anos dos que levamos moitos de nós no barrio, está a dez minutos de Novo Mesoiro e  nos ofrece, como colexio pequeno que é, unha atención próxima ao alumnado e as familias. 

Dende a ANPA As Lavandeiras queremos máis, queremos comedor escolar, actividades extraescolares e queremos certos investimentos que creemos que as correspondentes Administracións deben asumir. Moitos destes servizos os fumos conseguindo, pero necestitamos seguir mellorando. Por iso nacemos, por iso estamos traballando e por iso necesitamos que te unas a nós. Ponte en contacto connosco, e contarémosche como facelo ¡necesitámoste!